Sada acendeu o Nadal e programa numerosos eventos para estas datas

17 / DEC / 2019

Sada acendeu o Nadal e programa numerosos eventos para estas datas

- Unha sesión de maxia con Rebo e Rufus abriu o evento que tivo lugar o pasado sábado na carpa situada detrás do edificio de A Terraza.

-O acendido do Nadal retrasouse unha semana logo de aceptar o Goberno Local a moción presentada no Pleno Infantil polos escolares de quinto e sexto de primaria do colexio O Mosteirón pola que solicitaron ao Goberno local que atrasase máis aló do 8 de decembro o aceso da iluminación do Nadal para aforrar enerxía e custos.

- O Concello de Sada promociona as distintas actividades onde se recollerán alimentos, xoguetes e produtos de hixiene familiar por parte de Cruz Vermella Sada.

 

Sada, 17 decembro 2019.

A Concellería de Educación e Deportes do Concello de Sada organizou os pasados días a 5ª edición de “Acende o Nadal” que consiste na selección mediante sorteo dunha familia sadense que será a encargada de realizar o acendido navideño 2019.

Participaron neste sorteo cuarenta e oito familias empadroadas no Concello de Sada entre as que saliu a elexida para activar o acendido do Nadal que tivo lugar o pasado sábado na carpa situada detrás do edificio de A Terraza. A familia gañadora ademáis realizou unha foto de familia nese acto realizada por un fotógrafo profesional.

Todas as persoas que realizaron a inscrición entraron tamén nun sorteo no acto do acendido polo que tres familias gañaron a realización dunha foto familiar cun fotógrafo profesional. 

Solicitude no Pleno Infantil de retrasar o acendido no Nadal.

Alumnos de quinto e sexto de primaria do colexio O Mosteirón de Sada exerceron a principios de decembro de concelleiros e aproveitaron a súa toma simbólica das bancadas para solicitar ao Goberno local que atrasase máis aló do 8 de decembro o aceso da iluminación do Nadal para aforrar enerxía e custos.

Os escolares defenderon que a súa proposta non só contribuirá a reducir a contaminación lumínica, senón que permitiría destinar o aforro a fins que consideran máis urxentes: obras e, especialmente, axudas ás familias con menos recursos. "Todo é malo se te pasas de cantidade", resumiu un dos pequenos concelleiros por un día.

No pleno, que coincidiu co cume sobre o cambio climático, os escolares fixeron unha vehemente defensa da iluminación de baixo consumo, máis económico e sustentable e reclamaron un "uso máis eficiente e racional" dos farois. O alcalde, Benito Portela, anunciou que o Concello atrasaría este ano o aceso do Nadal. "Buscaremos a data máis apropiada", indicou a concelleira de Participación Cidadá, Rebeca Mouriño quen sinalou o 14 de decembro como data máis apropiada para non coincidir coa Carreira Nocturna que se celebra esta noite.

Axenda do Nadal en Sada

Co acto do acendido navideño as distintas concellerías do goberno municipal dan por comezadas as actividades do Nadal.

Desde a Concellería de Cultura se programa unha Pista de patinaxe e Inchables do 20 de decembro ao 6 de xaneiro na carpa situada detrás da Terraza en horario de 12:00 a 14:00 e de 16.30 a 22:30 (os días 24 e 31 de decembro ata as 19:00 horas e os días 25 decembro e 1 de xaneiro estará pechada). Esta actividade é de balde.

A Casiña de Papa Nöel e os Elfos Carteiros estarán presentes do  20 ao 23 de decembro. Os elfos recollerán as cartas para Papá Noël no Boulevard das Mariñas, tamén recollerán as cartas nas parroquias desprazándose no seu orixinal vehículo navideño.

Papanoelada motera o 21 decembro. O club de motos de Betanzos organiza unha Papanoelada con máis de 100 motoristas que parte desde Paderne até Betanzos. No seu percorrido pasarán por Sada aproximadamente ás 17:50h. Entrarán en Sada pola avenida República Arxentina, pasarán por toda a avenida da Mariña até o porto e na súa saída de Sada pasarán polo Paseo Marítimo e pararán na Pista de Patinaxe de Nadal, á beira da carpa da Cruz Vermella de Sada.

OBRADOIROS DE NADAL os días 23, 26, 27 e 30 de decembro e 2 e 3 de xaneiro. Campamento urbán en horario de mañán.

 CHOCOLASADA o 24 de decembro ás 17:00. No Auditorio da Casa da Cultura os coros de nenas e nenos de Sada darán a benvida a Papá Nöel cantando panxoliñas e tomando chocolate con churros. Desde a Concellería animan ás nenas e nenos que queiran participar e que non estean nos coros dos colexios a un ensaio xeral que se realizará o día 23 de decembro ás 11 da mañá, previa inscrición na biblioteca (por teléfono ou en persoa).

CABALGATA DE REIS o 5 de xaneiro a partir das 18:00. Saída dende a Lonxa percorrendo as rúas de Sada para finalizar no Pavillón Municipal con xogos, animación e chocolate con churros. 

MERCAR EN SADA TEN PREMIO

A concellería de Promoción Económica, Turismo e Emprego promove a dinamización do comercio local coa posta en marcha da campaña “Mercar en Sada ten premio” na que participan 75 establecementos comerciais onde realizar as diferentes compras do Nadal. Sortearánse 1.000€ entre os clientes que merquen nos locais participantes.

A campaña “Mercar en Sada ten Premio” promovida pola concellería de Promoción Económica, Turismo e Emprego que dirixe a nacionalista Laura Rodríguez Pena, estará en marcha ata o  5 de xaneiro. A campaña pretende promover a dinamización do comercio local premiando aos consumidores, entre os que se sorteará un vale de 300€,  outro de 100€ e doce de 50€,  todos eles canxeables nos locais participantes. Sorteo que terá lugar na capela de San Roque o vindeiro día 7 de xaneiro as 20:30.

“Elixir o comercio local para as compras de Nadal xera emprego, contribúe a prosperidade económica e a recuperación local, constituíndo unha forma responsable de mercar" indica a concelleira de Promoción Económica Laura Rodríguez quen engade que "a confianza, o trato familiar e a atención personalizada, diferencian ao comercio de Sada fronte as grandes superficies comerciais”.

Colaboración con Cruz Vermella

O Concello de Sada colabora con Cruz Vermella nestas datas promocionando as actividades onde se recollerán alimentos, xoguetes e produtos de hixiene familiar.

Club Natural Sport Sada Taekwondo: Sábado 21 de decembro. Copa Galicia de Taekwondo no Pavillón Polideportivo. Recollen produtos de hixiene até as 13 horas.

Papanoelada: Na Carpa á beira da pista de patinaxe o 21 de decembro de 16,30 a 19,30 horas.  Recollida de produtos de hixiene, alimentos non perecedoiros e xoguetes.

Club de Salvamento de Sada (SASA): organiza o día 21 ás 17 horas unha festa de nadal no Local Social do club para os seus socios. Recolle alimentos non perecedoiros.

A Meda de O Castro: Cea de Nadal. Recollida de produtos de hixiene. De 20,30 a 21,30 horas.

Gala Escola de danza Carmen López: día 29 de decembro na Casa da Cultura. Recollen produtos de hixiene familiar a partir das 17 horas.