O programa de lectura con cans de maior éxito no mundo recala na Biblioteca Municipal de Sada para axudar aos nenos a ler

27/02/2019

O programa de lectura con cans de maior éxito no mundo recala na Biblioteca Municipal de Sada para axudar aos nenos a ler

- A actividade levarase a cabo o venres 1 de marzo en horario de 18:00 a 20:00 horas e está enfocada a nenas e nenos de 5 a 11 anos empadroados en Sada.

LISTAXE PERSOAS ADMITIDAS E DE AGARDA NA ACTIVIDADE “APRENDE A LER CON NORA” 

Inscrición en liña

Folla de inscrición para entregar na Biblioteca Municipal


Sada, 21 febreiro 2019.

O Concello de Sada programa para o venres 1 de marzo na Biblioteca Municipal unha xornada de lectura con cans adestrados  especialmente para ler con nenos.

O Programa R.E.A.D. (Reading Education Assistance Dogs), iniciouse na Biblioteca Pública de Salt Lake City (Utah, USA) en 1999. Desde entón, miles de escolares, en bibliotecas e librarías de 17 países, leron con cans. Grazas a este programa, os menores len libros a un can especialmente adestrado para ler con eles, algo que mellora as habilidades lectoras do neno, sobre todo a súa fluidez e comprensión lectora.

Segundo os expertos que levan a cabo a actividade, o éxito do programa radica na conexión emocional que se establece entre o can e o neno que le para o animal. O can escoita atentamente, axuda a relaxarse e diminúe a ansiedade, no xulgan, non se burla e non critica, é menos intimidante que os compañeiros de clase ou que adultos e deixa que o neno vaia ao seu propio ritmo.

En España, os cans R.E.A.D. de “Perros y Letras” estiveron lendo en lugares tan emblemáticos como a Biblioteca Nacional de España e en multitude de librarías e outros espazos como a Fundación Jesús Abandonado, A Casa do Libro ou a FNAC.

En Sada prográmase unha xornada de lectura con cans o vindeiro venres 1 de marzo de 18:00 a 20:00 na Biblioteca Municipal, “pero a idea é facelo unha vez ao mes, indican desde a Biblioteca, en función dos nenos e nenas que se apunten a este programa de lectura”.

Será Nora, unha cadela moi alegre, quen lea cos nenos e nenas de Sada. "Como boa Golden que é, é moi sociable, levase ben con todos os cans, gatos, e até se fixo amiga dunha cabra", indican desde “Perros y Letras”. “Encántalle que lle fagan caso e desde pequena comezou a súa educación dentro de centros de traballo para converterse en cadela de terapia. Cando Nora está a traballar é moi tranquila e obediente, sempre está moi atenta e goza realizando as actividades e xogando coas persoas”.

Para esta primeira xornada ofértanse 12 prazas, para nenos e nenas empadroadas en Sada, que se adxudicarán por sorteo en caso de superar as inscricións. As persoas interesadas poderán inscribirse a través do formulario de inscrición en liña ou na Biblioteca Municipal até o 27 de febreiro ás 14:00 horas e o sorteo celebrarase o mesmo día ás 18:00 horas.

Arquivado en:
Alcaldía. Novas. Avisos. Sada. Educación, xuventude e saúde. Cultura.

AXENDA