Feira Modernista de Sada 2019

20 / XUL / 2019

Feira Modernista de Sada 2019

O fin de semana do 26 ao 28 concentra toda a programación da VIII Feira Modernista  que inclúe concertos, cinema, maxia, danza, picnic, mercado, teatro, obradoiros, cabaret, globo de papel, xogos tradicionais, organeta, monicreques, fotógrafo e mesmo un paseo en autobús modernista. Como adianto, o mércores 24 ás 21:00 na Casa dá Cultura Pintor Llórnes prográmase o concerto “Os Sons Esquecidos” do artista Abrahan Cupeiro onde se mesturan instrumentos de épocas pretéritas cunha orquestra moderna.

Sada 19 xullo 2019.

A concellería de Cultura ven de pechar a programación da oitava edición da Feira Modernista que a través de numerosas actuacións musicais, artes escénicas e diferentes actividades recreativas e artísticas en distintas localizacións da vila, revivirá o espírito dos inicios do século XX.

A música das correntes de vangarda relacionadas co movemento cultural do Modernismo, o teatro e a danza serán as actividades protagonistas, xunto con propostas máis actuais que, como ocorría con este movemento cultural, rachan coas correntes artísticas dominantes. A programación complétase con actividades destinadas ao público infantil e familiar, fotografía, exhibicións de danza, obradoiros, área de exposición de artesanía, cine, actividades como o picnic popular, o mercado modernista ou unha ruta en autobús de época.

A Feira Modernista de Sada é unha cita referencial para a localidade, xerando un gran afecto e participación por parte da cidadanía e atraendo un gran número de visitantes doutras localidades. A capacidade de convocatoria foise incrementando edición tras edición, e a participación activa de asociacións e colectivos veciñais está permitindo incluír novos contidos na programación. Na edición deste ano participan activamente a Banda de Música Municipal, as escolas de danza Sadanza e Carmen López, o Teatro Artesán, a A.C. Irmáns Suárez Picallo, A Lembranza, veciños realizando unha sesión musical con discos de pizarra e asociacións veciñais, como O Plátano de Mosteirón, que colaboran na creación dun globo de papel.

Dentro da programación da Feira deste ano destaca ademáis a Organeta, un show interactivo e itinerante para todos os públicos realizado cun órgano de Barbaria fabricado nos anos 20  que “lee libros de música”.  Como novidade tamén se programan rutas en autobús de época polos lugares modernistas do municipio. E complétase a programación cos concertos de Os Bregadiers, Revival Strompers, Marian Ledesma e a Banda de Música de Sada; obradoiros de complementos modernistas ou de pompas xigantes; duas representacións teatrais, cine ao aire libre coa proxección de “O Gabilete do Doutor Caligari”, maxia en varias localizacións, caravana de xogos tradicionais ou cabatet polas rúas.

Como adianto á programación da fin de semana a concellería de Cultura programa o mércores 24 de xullo ás 21:00  o concerto “Os Sons Esquecidos” do artista Abrahan Cupeiro. Trátase dunha viaxe no tempo misturando instrumentos de épocas pretéritas cunha orquestra moderna, e onde se poderá escoitar o Karnyx, evocando o son das sereas e o golfiño; a Corna, que evoca cantos populares improvisados; ou a Uillean Pipe que neste caso utilizase para interpretar a Aria da Suite en Re de J.S. Bach.