CENTENARIO DE CARMEN ARIAS DE CASTRO ”MIMINA"

30/04/2021

CENTENARIO DE CARMEN ARIAS DE CASTRO ”MIMINA"

Hoxe cúmprense cen anos do nacemento de Carmen Arias de Castro, “Mimina”,  figura senlleira e fundamental na historia da Galiza do século XX. Como filla adoptiva de Sada, o Concello quere poñer de manifesto o recoñecemento unánime á súa persoa e procederá á lectura e á aprobación dunha declaración institucional a ela referida no pleno deste mes de Abril.

É preciso lembrar que o labor realizado por Mimina para levantar o monumental proxecto da Fábrica de Cerámicas do Castro foi esencial: da súa familia eran os terreos cedidos para a construción da mesma, dela son os primeiros deseños das porcelanas, foi ela quen montou o taller de decoración: distintivo básico da casa... Esa e así era ela, Mimina, unha muller miúda que falaba e se expresaba mellor coas mans que coas palabras, que impulsaba con audacia e ilusión aquilo no que cría, que daba un paso atrás para ter unha visión propia e auténtica do mundo que a arrodeaba e daquilo que estaba a crear.

É difícil atopar o xeito idóneo para honrar a quen tanto lle entregou a Sada e a Galiza, mais, con respecto, responsabilidade e humildade, o Concello de Sada traballará na procura de lle devolver a luz ao legado que nos deixou. Sada ten unha débeda con ela e co seu fogar, o Castro de Samoedo. Ela foi a muller que iluminou, dende o fondo, ese fogar para nós, e a mellor homenaxe que podemos facerlle é a de continuar alimentando o lume que ela acendeu.

Para rematar, lembramos as palabras de Isaac Díaz Pardo, quen ao referirse a ela dicía: “Mimina é fidelidade e lealdade ata o final”. A un home?. A un proxecto vital?. A ambas as dúas cousas, quizais...”

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL CENTENARIO CARMEN ARIAS MIMINA

Arquivado en:
Novas. Alcaldía . Osedo. Sada. Medio Ambiente e Normalización Lingüística. Cultura .

Temas:
Formación. Educación. Cultura. Participación Cidadá.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores.

AXENDA