Sada limpa o tramo urbano do Río Maior

27/12/2018

Sada limpa o tramo urbano do Río Maior

-No día de onte comezou a limpeza do Río Maior ao seu paso polo tramo urbano de Sada, concretamente na parte de Samoedo e rúa Braña.


Sada 27 decembro 2018.

O pasado 14 de decembro o alcalde de Sada, Benito Portela, xunto concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Tenreiro, reuníronse cos responsables de Augas de Galicia para incidir na limpeza das canles do Río Maior e para volver a solicitar a execución dun proxecto de canalización do río no seu tramo da rúa Venezuela, segundo o estudo realizado pola Grupo de Enxeñería da Universidade da Coruña e que supón a evacuación dun caudal de auga maior á que pode soportar canalización actual do río e que de ter executada non se producirían as inundacións de marzo de 2016.

Benito Portela xa presentará a Augas de Galicia un convenio para a obra de canalización do Río Maior, despois de que, no Parlamento galego, o PP non aceptase a emenda aos orzamentos da Xunta que buscaba a subvención dunha parte do proxecto da obra de canalización do Río Maior.

O rexedor reclama estas obras para evitar que poidan suceder "máis inundacións en Sada", polo desbordamento deste río, e asegura que Augas de Galicia "ten a capacidade técnica e a solvencia necesaria para executar esta obra "

Por ese motivo, o Concello solicitou a inclusión desta obra nos orzamentos da Xunta. "O menos que poidan facer é incluír unha partida para algo tan básico como resolver os problemas dos veciños e veciñas de Sada", engade Portela.

Na reunión do pasado 14 de decembro o alcalde de Sada solicitou "a execución desta obra hidráulica pola administración que lle compete que é Augas de Galicia con independencia de que o concello poida conveniar a transferencia dunha parte do seu custo", incidiu Portela.

 

Arquivado en:
Alcaldía. Novas. Administración local, obras e servizos. Sada.

Temas:
Urbanismo. Medio ambente. Obras e servizos.

AXENDA