Sada lanza unha campaña contra os vertedoiros incontrolados

26/02/2020

Sada lanza unha campaña contra os vertedoiros incontrolados

-O Concello de Sada fai un chamamento a realizar un uso axeitado do servizo de recollida do lixo, a realizar o separativo e depositalo nos colectores correspondentes nas horas axeitadas.

-O Concello procederá ao reforzo da vixilancia e á imposición de sancións daqueles comportamentos que atenten contra o entorno natural  e solicita a colaboración cidadá para denunciar este tipo de actitudes que repercuten en toda a veciñanza e danan de maneira indiscutible a imaxe do municipio.


Sada, 26 febreiro 2020

Non é a primeira vez que desde o Concello de Sada se lembra a prohibición de depositar lixo, entullo, mobles ou residuos voluminosos en lugares non autorizados, mais, debido ao incremento detectado de depósitos incontrolados e de actitudes de mal uso dos contedores de lixo, procederá ao reforzo da vixilancia e á imposición de sancións daqueles comportamentos que atenten contra o entorno natural.

No último mes, a concellaría de Obras e Servizos limpou máis dunha ducia de vertidos en cunetas, emprazamentos de contedores e diversos lugares non autorizados. “Non se pode depositar os residuos voluminosos de calquera xeito, saltándose as elementais normas de civismo e convivencia que deberan rexer nunha sociedade responsable e respectuosa co medio ambiente e coa defensa do entorno natural. Imos aumentar a vixilancia e aplicar as sancións correspondentes a todas aquelas persoas que procedan desta maneira incívica”, sinala o concelleiro de Obras e Servizos, Fernando Fariña.

Neste sentido, lembra que, para facilitar a reciclaxe e o tratamento dos residuos e así rematar cos vertedoiros incontrolados, o Concello de Sada, a través do Consorcio das Mariñas, dispón dun servizo de retirada de residuos voluminosos (mobles, electrodomésticos, colchóns, somieres, etc) totalmente de balde, previa chamada ao 981 78 47 04. Sada conta tamén cun Punto Limpo situado no lugar de Vilar, na parroquia de Meirás.

O Concello solicita a colaboración cidadá á hora de denunciar este tipo de actitudes que repercuten en toda a veciñanza e danan de maneira indiscutible a imaxe da nosa vila. “Facer as cousas ben custa o mesmo que facelas mal, é preciso actuarmos con responsabilidade e conciencia medio ambiental, é imperativo respectarmos o noso patrimonio natural. Deixarlle ás xeracións futuras un mundo mellor é cousa de todos”, remata o concelleiro.

Desde o Concello de Sada reiterase o chamamento a realizar un uso axeitado do servizo de recollida do lixo, é dicir, realizar o separativo e depositalo nos colectores correspondentes nas horas axeitadas, solicitar no 981784704 a retirada de voluminosos e facer un bo uso do Punto Limpo de Meirás no seu horario de funcionamento.

Achegamos imaxes dos distintos vertidos incontrolados detectados nas últimas semanas e os tipos de residuos e cantidades que se poden depositar no Punto Limpo de Meirás.

 


Arquivado en:
Carnoedo. Novas. Meirás. Mondego. Mosteirón. Avisos. Osedo. Sada. Soñeiro. Obras e Servizos. Veigue.

Temas:
Medio ambente. Participación cidadá. Obras e servizos.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores.