Sada comezou a pagar as axudas do Sada Activa e abre nova liña de axudas de até 3.000 euros por solicitude

03/11/2020

Sada comezou a pagar as axudas do Sada Activa e abre nova liña de axudas de até 3.000 euros por solicitude

O Concello decretou o pago das primeiras 64 concensións por un total de 58.000 € e o equipo tramitador presentará unhas 80 máis a vindeira semana para o pago.

O Concello de Sada publicará no BOP unha segunda liña de axudas dentro do PEL-Reactiva polo que se destinarán até 3.000 euros de axudas por solicitude para facer fronte ás consecuencias derivadas da crise motivada pola COVID-19, e contribuír á súa recuperación e viabilidade no novo contexto socioeconómico. Para esta segunda liña de axudas o Concello chegará a investir arredor de 400.000 euros (e a Deputación 223.000 euros).


Sada, 3 novembro 2020

O Concello de Sada xa decretou o pago do primeiro paquete de solicitudes do Programa de Subvencións Sada Activa para autónomos e Pemes destinadas ao mantemento da actividade económica da nosa vila ante a crise provocada polo coronavirus.

Deste xeito, tal e como sinala Laura Rodríguez, concelleira de Promoción Económica, Turismo e Emprego, o equipo tramitador, tras a revisión e correccións acaídas, presentou as primeiras 64 concesións por un total de 58.000 euros “que o Concello de Sada xa comezou a aboar”.

A partir de agora cada semana o equipo tramitador presentará para a súa aprobación novas concesións de pagamento das axudas para que se vaian abonando todas as que cumpriren cos requisitos solicitados. A vindeira semana presentarán para o pago un paquete con arredor de 80 solicitudes de autónomos e PEMES para que se proceda ao pago das subvencións.

Co obxectivo de dar resposta, no contexto da crise sanitaria provocada pola COVID19, e para manter a actividade económica e protexer o emprego, o Concello de Sada estableceu estas axudas económicas dotadas con 800.000 euros e destinadas ás persoas autónomas e pequenas empresas de Sada que tivesen que paralizar (suspender) a súa actividade pola declaración do estado de alarma ou que visen reducida a súa facturación polo menos nun 75 %. 

A contía total das axudas do Sada Activa é de 750 euros para aquelas persoas físicas ou xurídicas sen persoal por conta allea ao seu cargo. A esta contía súmanselle 250 euros por cada traballador/a contratado/a por conta allea ao seu cargo a data 1 de marzo de 2020 até un máximo de 1.500 euros.

“Desde a Administración local, sinala Laura Rodríguez, estase a facer un esforzo importante ao que ademais dos 800.000 euros de achega municipal, destinados a asumir unha competencia propia da Xunta de Galicia, súmaselle o reforzo da área con personal administrativo por acumulación de tarefas para tentar axilizar os trámites así como outras medidas de dinamización nas que se ten investido desde marzo e a subministración de material sanitario nas primeiras fases de desconfinamento.

Nova liña de axudas PEL-Reactiva

O BOP publicará nesta semana a segunda liña de subvencións directas dentro do PEL-Reactiva, polo que se destinarán até 3.000 euros de axudas por solicitude para facer fronte ás consecuencias derivadas da crise motivada pola COVID-19, e contribuír á súa recuperación e viabilidade no novo contexto socioeconómico.

Estas accións veñen a reforzar o apoio do Concello de Sada ao tecido económico local, maiormente comercial, hostaleiro e turístico, nunha situación moi complicada nesta crise sanitaria.

O Concello de Sada adheriuse o pasado mes ao PEL-Reactiva: Fondo de financiamento para a reactivación económica e social da provincia da Coruña destinado aos concellos de menos de 50.000 habitantes. A través deste Fondo de financiamento correspóndelle ao Concello de Sada un importe da Deputación de 226.411,43 euros que se complementará cunha achega municipal que resulte da suma dos 56.000 euros iniciais máis o remanente da primeira liña de axudas que non se chegase a adxudicar e que se valora en arredor de 400.000 euros.

 

Arquivado en:
Novas. Promoción Económica, Turismo e Emprego.

Temas:
Economía. Subvencións e Axudas. Participación Cidadá.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores.

AXENDA