Memoria de Sada mostra na Capela de San Roque centos de fotografías da vida do municipio

02/08/2019

Memoria de Sada mostra na Capela de San Roque centos de fotografías da vida do municipio

Do 1 ao 31 de agosto de 2019 estarán expostas na Capela de San Roque unha selección de 300 fotografías do arquivo fotográfico Memoria de Sada.

A exposición pode visitarse de luns a sábado (10:30 a 13:30 e 18:00 a 21:00) e domingos e festivos (18:00 a 21:00).


Sada, 1 de agosto 2018.

Por sétimo verán consecutivo Memoria de Sada, un colectivo que xurdiu tras un curso da aula CeMIT organizado polo Concello de Sada, reúne na Capela de San Roque parte do arquivo fotográfico en liña da historia do municipio que “pertence ás veciñas e veciños de Sada e  tamén aos que están na emigración, porque son eles os que fan posible esta mostra coa cesión das imaxes”.

Na actualidade Memoria de Sada conta con máis de tres mil fotografas cedidas polos propios veciños e aos que desde o colectivo sadense dan as grazas “por cedérnolas para poder expolas cada verán”.

“Nós fixemos o traballo de recollelas, escribir os textos para a web e facer unha selección de máis de 300 fotografías que cremos son as máis representativas e estarán expostas durante todo o mes de agosto na Capela” apuntan desde a colectivo Memoria de Sada que inauguraron la exposición na tarde de onte coa presenza do alcalde e a concelleira de Cultura.

Con esta exposición Memoria de Sada convídanos “a viaxar no tempo, a coñecer o pasado do municipio, a lembrar as vidas dos nosos antepasados e a coñecernos a nós mesmos a través do vivido, dos cambios na nosa vila”. Sinalan ademais que “mirar cara atrás para ver o camiño andado axúdanos a coñecernos no presente e amar o que somos. Queremos que esta exposición sexa punto de encontro para todos os que estamos interesados na historia do noso pobo, cremos que coñecer algo é o primeiro paso para amalo”.

A exposición, que conta coa colaboración do Concello de Sada, é unha emocionante selección de máis de 300 fotografías que nos traen a memoria do que foi Sada en tempos pasados: rúas, edificios, as xentes, oficios, as festas… todo un universo de motivos que quedaron plasmados sobre o papel fotográfico e que o colectivo Memoria de Sada se encarga de atesourar.


Arquivado en:
Novas. Alcaldía . Avisos. Sada. Cultura .

Temas:
Turismo. Cultura. Participación cidadá.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores. Turistas.

AXENDA