"Xuntos+fortes", a campaña de recollida de alimentos dos comerciantes e hostaleiros de Sada e Cruz Vermella

07 / NOV / 2020

"Xuntos+fortes", a campaña de recollida de alimentos dos comerciantes e hostaleiros de Sada e Cruz Vermella

Baixo o slogan "Xuntos+fortes. Axúdasnos a axudar?", varios comerciantes e hostaleiros do municipio coa colaboración da Concellaría de Promoción Económica inician unha campaña na que colaborarán coa Cruz Vermella para axudar as familias máis necesitadas.

Arredor de 70 locais sadenses participan nunha iniciativa que ten como eslogan "Xuntos+fortes. Axúdasnos a axudar?", que vén de pór en marcha o comercio local coa colaboración do Concello de Sada, a través da Concellaría de Promoción Económica.

Deste xeito, comerciantes e hostaleiros de Sada serán puntos de entrega de alimentos por parte dos clientes, que posteriormente recollerán persoas voluntarias da Cruz Vermella.

"Somos unha media de 70 locais unidos para axudar os nosos veciños, amigos, familiares e clientes –sinalan os portavoces da iniciativa–. Os nosos negocios están a sufrir as perdas desta pandemia, outros compañeiros tiveron que pechar, pero tamén sabemos pelexar por axudar os nosos veciños que están nunha peor situación ca nós".