Tres novos axentes incorpóranse á Policía Municipal de Sada

05 / DEC / 2020

Tres novos axentes incorpóranse á Policía Municipal de Sada

O número de efectivos da Policía Local elévase a 17, dos cales actualmente 11 están de baixa.

Sada conta ademais cun novo Xefe de Policía accidental que veu desempeñando labores de axente no noso municipio desde hai máis de 20 anos.

Sada, 4 decembro 2020

O Concello de Sada vén de incorporar esta semana ao seu persoal tres novos axentes que contribuirán a reforzar a seguridade no municipio e a facer fronte ás esixencias operativas da crise sanitaria. Estes tres novos policías locais incrementan a 17 o número de efectivos da Policía Local de Sada.

Segundo sinalou o alcalde, Benito Portela, os axentes que están a traballar están desempeñando “un labor moi importante durante esta pandemia do coronavirus. O seu papel é fundamental para garantir o cumprimento das medidas establecidas para frear a expansión da COVID-19, sen baixar a garda noutras cuestións que tamén son de especial relevancia para a seguridade e convivencia na vila”, destaca.

Os tres novos axentes incorporáronse onte aos seus postos. “O cadro de persoal da Policía Local estaba moi limitada, tendo en conta, entre outras cousas, a situación de baixa de 11 efectivos e as novas necesidades que trouxo consigo a pandemia e, é por iso, que mentres se prolongue a situación consideramos imprescindible contar cun maior número de efectivos, que nos permitirá tamén cubrir mellor as baixas que poidan producirse”, indica a concelleira de Seguridade Cidadá, quen agradece o labor de apoio que veu realizando a Garda Civil nos últimos meses ante a situación evidente de falta de efectivos.

Coas novas incorporacións, son cinco os axentes que patrullan as rúas de Sada. O municipio conta ademais cun novo Xefe de Policía accidental que veu desempeñando labores de axente en Sada desde hai máis de 20 anos.

“Esperamos que nos vindeiros días se poidan producir novas incorporacións que contribúan a aumentar o número de efectivos que patrullan polas rúas”, destaca a concelleira.

Arquivado en