Sada recibirá case un millón de euros a través do Plan Único Provincial

14 / DEC / 2020

Sada recibirá case un millón de euros a través do Plan Único Provincial

O Concello de Sada recibirá un total de 913.394 € como asignación inicial do Plan Único da Deputación, dos que máis de 160.000 euros se destinarán a gasto social extraordinario. Os proxectos do goberno municipal para a nova convocatoria do plan foron un dos eixos centrais da reunión que mantiveron onte o vicepresidente e deputado de Plans da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, co alcalde de Sada, Benito Portela.

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, xunto co deputado de Cultura, Xurxo Couto, visitaron o Concello de Sada e reuníronse co alcalde, Benito Portela e distintos membros da corporación antes de visitar diferentes obras financiadas con fondos provinciais entre as que se encontra a remodelación da rúa Lugrís Freire, a cuberta da pista polideportiva de Mondego e o parque infantil das Brañas.

Na visita percorreron tamén a zona afectada polos asolagamentos no curso do río Maior, que será obxecto dunha futura actuación para a cal a Deputación achegará 378.000 euros.

Aumento de orzamentos

Na xuntanza, avaliouse o considerablel incremento do POS de cara ao vindeiro ano, que pasará de 760.000 € a 913.394,42 € xa na asignación inicial, dos que, coas modificacións da nova edición para paliar os efectos da pandemia, o goberno municipal poderá destinar máis de 160.000 euros a gastos sociais extraordinarios. En total e até o pasado exercicio, desde o 2017, en que a Deputación da Coruña aprobou o primeiro Plan Único de Concellos, o Concello de Sada recibiu un total de 3.837.688 €.

Despois da xuntanza, Xosé Regueira e Benito Portela, xunto co resto de representantes da Deputación e do Concello, visitaron a rúa Lugrís Freire e o parque infantil das Brañas, recén remodelados con financiamento provincial.

A rúa Lugrís Freire alargouse con renovación do pavimento para facilitar o tránsito peonil ao ser unha das de máis afluencia do concello. A vía mellorouse coa instalación de colectores e a realización de acometidas de auga e saneamento ademais da separación de augas residuais e pluviais xunto con canalizacións soterradas de subministración eléctrica e telecomunicacións, cun orzamento de 67.337 €.

Á súa beira, o parque infantil das Brañas experimentou unha ampliación da superficie destinada a instalacións de xogos infantís, duplicando case a existente. Instalouse pavimento de seguridade cunha zona específica de xogo de balón e diverso equipamento para o entretemento infantil.

Finalmente visitaron a pista polideportiva da parroquia de Mondego, que foi recentemente cuberta para un maior aproveitamento en épocas de choiva.

Canalización do río Maior

Vicepresidente e alcalde, xunto co resto dos/as participantes na visita, percorreron tamén a zona de perigo de asolagamento polo río Maior, que está pendente dunha futura actuación que consistirá nunha ampliación de forma considerable e pouco traumática do desaugamento da estrutura da canalización.

O orzamento destinado para esta actuación por parte da Deputación da Coruña será de 378.000 euros, cantidade consignada no expediente modificativo de crédito deste mes de outubro, mentres que o Concello de Sada achegará 697.000 euros de fondos propios e a Xunta de Galicia 500.000 euros.

"Trátase, sen dúbida, dun proxecto de especial interese para a veciñanza de Sada, xa que suporá a minimización da ameaza de novos asolagamentos no centro urbano, como os que aconteceron en 2016", sinalou o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira.

Arquivado en