Sada organiza un curso de redeiras co que pretende recuperar un oficio tradicional e poder ofrecer un futuro traballo as veciñas de Sada

04 / OUT / 2016

Sada organiza un curso de redeiras co que pretende recuperar un oficio tradicional e poder ofrecer un futuro traballo as veciñas de Sada

-A Concellaría de Urbanismo e Emprego, xestionada por Francisco Montouto, levará a cabo xunto á Confraría de Pescadores de Sada o curso de redeiras para potenciar o porto pesqueiro e fomentar o emprego nun sector que tradicionalmente é desempeñado de forma tradicional e manual e está altamente cualificado

Sada 4 outubro 2016

O Concello de Sada, na súa aposta pola recuperación tanto do emprego local como dos oficios tradicionais do municipio, organiza un curso de redeiras dirixido a mulleres que queiran aprender o oficio e dedicarse á confección, reparación e mantemento de artes e aparellos de pesca.

O curso ten unha duración de oito meses, do 7 de novembro de 2016 ao 30 de xuño de 2017,  e impartirase diariamente en horario de 16:00 a 19:00 horas na nave de redeiros do Porto Pesqueiro que cede a Confraría de Pescadores quen tamén achega os profesionais que impartirán o curso polo que a implicación e colaboración da Confraría de Pescadores coa área de Emprego é “total e absoluta”.

O curso de redeiras é gratuíto e as inscricións poden facerse na Axencia de emprego e desenvolvemento local (AEDL) chamando ao teléfono 881.92.90.57 ou escribindo a aedl@concellodesada.com ou na web https://goo.gl/forms/eJ1CQPOJCSaK2ZuQ2

Desde a concellaría de Urbanismo e Emprego indican que os obxectivos do curso son potenciar o porto pesqueiro, coa recuperación dun oficio tradicional de Sada, e por outra banda ter a posibilidade de ofrecer un traballo ás  veciñas do municipio que unha vez finalizado este curso poderán realizar o curso de capacitación profesional que lles daría a posibilidade de darse de alta como autónomas e conseguir un traballo estable.

Segundo Francisco Montouto, concelleiro de Urbanismo e Emprego,  no curso de redeiras que organiza o Concello “as participantes poden adquirir práctica da man dos profesionais da Confraría de Pescadores e logo se queren seguir e traballar neste campo poden realizar o curso homologado de confección e mantemento de artes e aparellos, de tres meses de duración, para obter o certificado de profesionalidade”

Arquivado en