Sada executa a mellora das travesías de Posse

03 / ABR / 2018

Sada executa a mellora das travesías de Posse

Os traballos chegaron a contar con fondos do Estado en dúas ocasións, pero perdéronse ao non realizarse a obra.

Sada 3 abril 2018.

Operarios traballan estes días na mellora e reordenación das travesías de Posse, unha obra prometida desde fai sete anos en varios exercicios e que finalmente se executa agora.

A concellaría de Obras e Servizos recupera en parte un proxecto que quedou nun limbo no 2013 tras retirar o Estado os fondos consignados. Os traballos foran incluídos nos Orzamentos do Estado do 2011 cunha partida inicial de 170.000 euros, que se reduciu a 100.000 nas contas do 2012, e finalmente foi suprimida.

Retirada do depósito da auga

O proxecto, que ascende a 74.116 euros e ten un prazo de execución de 3 meses, inclúe a retirada do depósito de auga en desuso, a apertura dunha rúa na segunda travesía para darlle continuidade cara ao sur con outro tramo de recente construción e a demolición do pavimento actual para a execución dun novo, tanto vehicular como peonil.

Para a conexión peonil do novo tramo da travesía de Posse 2 e a travesía de Pose 1 proxéctase un pavimento empedrado de formigón vermello, similar ao existente no tramo contiguo. Ademais das actuacións do novo trazado, mellorarase o traxecto peonil existente entre Posse 1 e Posse 2.

A retirada do depósito de auga en desuso é unha antiga demanda dos veciños, que veñen reclamándoa desde hai anos pola acumulación de lixo, ao ocupar unha superficie considerable que impedía a reordenación da zona. O proxecto recolle tamén melloras na iluminación, coa retirada dos farois no tramo final da primeira travesía, que se repararán, repintarán e substituirán por outras que reduzan a contaminación lumínica. Tamén se prevén rebaixes de beirarrúas nos pasos de peóns e instalar bolardos para evitar o acceso de vehículos á praza.

Arquivado en