Promoción Económica presenta en Fitur unha guía gastronómica de Sada

20 / ENE / 2017

Promoción Económica presenta en Fitur unha guía gastronómica de Sada

-A concellería de Promoción Económica, Turismo e Medio Ambiente que dirixe o nacionalista Xosé Lois Suárez Becerra, está presente na Feira Internacional de Turismo de Madrid, dentro do stand da Deputación ca Coruña, con novo material promocional.

Sada  20 xaneiro 2017

Esta presenza é unha aposta por afianzar os pasos dados o ano pasado e afondar no planeamento que se está a impulsar dende esta concellería xa que o sector turístico como afirma o concelleiro “é unha actividade estratéxica fundamental para o fomento do emprego e a promoción económica do comercio local. Hai que ter en conta que o sector servizos segundo a última enquisa do IGE ocupa case o 75% da poboación activa de Sada. Neste sentido, creemos que a planificación da actividade turística debe entenderse como unha estratexia de desenvolvemento local, pensando en axudar e integrar nesta dinámica ao pequeno e mediano comercio”.

Así, dinamizar a oferta turística e desestacionalizala na medida do posible son cuestións básicas para este sector e precisamente para adaptarse ás novas necesidades e ser máis competitivos, dende Turismo de Sada creáronse unha serie de novos materiais promocionais.

Estes novos materiais, que destacan por ser moi visuais e manexables, teñen un mesmo deseño e aportan tamén un novo logo turístico para o lanzamento desta nova liña de actuación.

En Madrid podese ver unha guía xeral, na que se recollen os principais lugares, recursos turísticos, festas e eventos a salientar de Sada, dando unha información pormenorizada dos principais elementos de atracción da nosa vila, sempre dende a idea de que fora moi visual para namorar ao visitante cunha simple ollada.

Para o concelleiro nacionalista, a oferta gastronómica está xerando unha crecente demanda por parte dos turistas que veñen a Galicia, sendo o segundo motivo de visita, despois do Camiño de Santiago. Neste sentido para Suárez Becerra “os eventos gastronómicos realizados en Sada (Festa da Filloa, Festa da Xiba, Gran Sardiñada, Cervefeira Artesá, Outono en Tapas...) dos últimos anos tiveron unha moi boa acollida polos veciños e visitantes, aumentando a participación nos diferentes eventos ano tras ano. A boa e ampla calidade da gastronomía local, infundiunos pois a necesidade de crear unha guía gastronómica onde se recollan os establecementos hostaleiros de Sada. A nosa idea é poñer en valor e dar a coñecer os establecementos para mellorar así a súa boa imaxe e que non so dependan da época estival para ter un número considerable de clientes”.

A Concellería tamén fixo un folleto onde se recollen as tres rutas de sendeirismo que hai en Sada: a Ruta Sada Costa Doce, Castelo de Fontán-Agra das Arcas e Soñeiro-Costa de Carnoedo.

A intención é ofrecer un folleto accesible, funcional e visual, para que os amantes do sendeirismo poidan gozar das paisaxes e do patrimonio sadense tendo a súa disposición toda a información nun so folleto. Por último, en Fitur presentarase un calendario de peto, o cal recolle, ordenado por temáticas, as principais actividades e eventos que se van realizar durante este ano 2.017.

Arquivado en