Os centros educativos de Sada retoman o luns o proceso de admisión de novos alumnos

06/05/2020

Os centros educativos de Sada retoman o luns o proceso de admisión de novos alumnos

O vindeiro luns, 11 de maio, ábrese o prazo para solicitar o centro educativo para os alumnos que cambian de colexio o próximo curso ou que acceden ao sistema educativo e que cursen 2º ciclo de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria e bacharelato. A crise do coronavirus reduce o período habitual de inscrición que se pechará este ano só unha semana despois, o luns 18 de maio. Os pais que xa entregasen a solicitude de matrícula no prazo anterior non terán que realizar ningún novo trámite.


Sada, 6 maio 2020.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle este mércores o acordo sobre o restablecemento do procedemento de admisión do alumnado de 2º ciclo de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria e bacharelato en centros públicos para o curso 2020/21. Retomarase o luns 11 e prolongarase até o día 18 do mesmo mes.

Para poder atender as solicitudes, a Consellería de Educación informa de que será obrigatoria a presenza nos centros de ensino non universitario de 6 ou máis unidades de, polo menos, un membro do equipo directivo, en xornada de mañá; e nos de menos de 6 unidades, o director ou profesor responsable os días precisos para realizar os trámites de escolarización e presentación de documentación e outros procedementos. Tamén se poderá presentar a solicitude de forma telemática, segundo consta no DOG.

Acordo Publicado no DOG

Acordo sobre o restablecemento do procedemento de admisión de alumnado do 2º ciclo de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso académico 2020/21.

O Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, publicado no BOE número 67, do 14 de marzo, declarou o estado de alarma en todo o territorio nacional co fin de facer fronte á situación de emerxencia sanitaria provocada polo COVID-19.

En aplicación do recollido na disposición adicional terceira do dito real decreto, así como no punto sétimo do Acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop) do 15 de marzo, mediante o cal se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público de Galicia como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19, suspendeuse o prazo para a presentación de solicitudes do procedemento de admisión de alumnado para o curso 2020/21.

O punto 4 da citada disposición adicional terceira recolle a posibilidade de acordar motivadamente a continuidade daqueles procedementos administrativos que veñan referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

Por outra banda, e de conformidade co previsto na Orde EFP/365/2020, do 22 de abril, do Ministerio de Educación e Formación Profesional, pola que se establecen o marco e as directrices de actuación para o terceiro trimestre do curso 2019/20 e o inicio do curso 2020/21, ante a situación de crise ocasionada polo COVID-19, en cuxo anexo III se determinan as Directrices específicas de actuación acordadas por etapas ou ensinanzas, que se desenvolverán durante o terceiro trimestre do curso escolar 2019/20 e o inicio do curso escolar 2020/21, as administracións educativas poderán asignar, de xeito excepcional e durante o período de admisión e escolarización do vindeiro curso, as funcións de supervisión do proceso de admisión de alumnado propias das comisións ou órganos de garantías de admisión, á Inspección educativa ou a outra unidade administrativa.

Tendo en conta o recollido nos parágrafos anteriores, considérase necesario poder restablecer o prazo de presentación de solicitudes do proceso de admisión de alumnado do 2º ciclo de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso académico 2020/21, e adaptar tamén as fases posteriores, modificando e axustando as datas e asignando as competencias das comisións de escolarización aos servizos territoriais de Inspección educativa; todo isto coa finalidade de que sexa posible tramitar todo o proceso procurando a súa resolución o antes posible para un correcto funcionamento do servizo público da educación, de xeito que os centros e o profesorado poidan preparar con normalidade o novo curso e se minimicen así as consecuencias para familias, alumnado e centros, logo da situación excepcional de emerxencia sanitaria que motivou a súa paralización.

Así mesmo, garántese que o alumnado teña asignada a praza no centro que lle corresponda e poida formalizar a súa matrícula dentro do período ordinario anual que establece a normativa reguladora. Son tamén razóns de interese público as que aconsellan a aplicación a este procedemento da tramitación de urxencia prevista no artigo 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, adaptando as distintas datas e fases segundo os axustes que se consideren necesarios. Tendo en conta o exposto, e por proposta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, o Cecop toma razón de que a consellería ditará resolución acordando as seguintes cuestións:

a) De conformidade co artigo 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os demais prazos do procedemento de admisión reduciranse á metade.

b) Novos prazos do proceso:

  • Presentación da documentación acreditativa dos criterios de baremo: ata o día 26 de maio de 2020.
  • Publicación das listaxes provisionais do alumnado admitido e non admitido: antes do 9 de xuño de 2020.
  • Poderanse formular reclamacións contra as listaxes provisionais no prazo de 3 días hábiles contados desde o seguinte ao da súa publicación.
  • Publicación das listaxes definitivas do alumnado admitido e non admitido: ata o 26 de xuño de 2020.
  • Formalización da matrícula en educación infantil e primaria: do 1 ao 10 xullo de 2020.
  • Formalización da matrícula ordinaria en educación secundaria obrigatoria e bacharelato: do 1 ao 10 xullo. Prazo extraordinario: do 1 ao 10 de setembro de 2020.

Arquivado en:
Novas. Educación e Deporte.

Temas:
Formación. Educación. Participación Cidadá.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores.

AXENDA