O GALP Golfo Ártabro Sur crea o proxecto "Mulleres do Mar"

15/10/2018

O GALP Golfo Ártabro Sur crea o proxecto "Mulleres do Mar"

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Golfo Ártabro Sur sabe da importancia do traballo das mulleres do mar e quere que se faga máis visible. Por isto, este proxecto nace co obxectivo de incentivar, visibilizar e empoderar ás mulleres que traballan no sector do mar.


Sada 15 outubro 2018.

O GALP Golfo Ártabro Sur anima a todas as mulleres relacionadas co sector pesqueiro a participar deste proxecto. “Se queres axudar a alcanzar este obxectivo, colaborar con outras mulleres e organizacións que tamén traballan no sector do mar ou contribuír á creación dunha asociación de mulleres do mar, este é o teu proxecto” sinalan desde o grupo. Na actualidade non existe ningunha asociación na comarca que represente ás mulleres que se dedican ao sector pesqueiro nos seus diferentes oficios e o GALP Golfo Ártabro Sur, a través do proxecto "Mulleres do Mar", está disposto a “apoiarvos para que as mulleres do sector pesqueiro desta comarca (Arteixo, A Coruña, Bergondo, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada) poidades organizarvos e crear unha asociación de mulleres do mar”.

Desde o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Golfo Ártabro Sur indican que dentro do sector atópanse mariscadoras (a pé ou a flote), recolectoras de algas, pescantinas, redeiras, armadoras, empresarias, traballadoras da industria ou do sector comercial, profesionais do ámbito científico-académico, guías turística o mulleres vinculada profesionalmente co mar e as animan se queren aportar os seus coñecementos e experiencias, a "formar parte dunha organización comprometida coas realidades das mulleres do sector do mar”.

A presentación do proxecto levarase a cabo en tres puntos da comarca:

Mércores, 17 de outubro ás 18 h: CEIDA (Castelo de Santa Cruz, OLEIROS)

Xoves, 18 de outubro ás 17 h: Fundación Paideia-Galiza (Praza María Pita, 17, A CORUÑA)

Venres, 19 de outubro ás 19 h: Salón de Plenos (Avenida do Porto, 24, SADA)

As persoas interesadas poden escribir  un correo electrónico á golfoartabrosur@gmail.com cos seguintes datos: Nome e apelidos, DNI, teléfono e a principal actividade profesional (mariscadora a pé ou a flote, recolectora de algas, pescantina, redera, armadora, empresaria, traballadora da industria e do sector comercial, ámbito científico e académico ou outra). Tamén poden chamar ao teléfono 608 201 251 (de 9:00h a 19:00h, de luns a venres) ou acudir á sede do GALP (Casa do Mar  de Sada, Avenida do Porto 21, baixo).

 


Arquivado en:
Novas. Axencia de emprego e desenvolvemento local. Avisos. Sada.

Temas:
Economía. Emprego. Formación. Urbanismo. Participación cidadá.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores.

AXENDA