II Batalla de Bandas Sada Rock

13 / XUN / 2016

II Batalla de Bandas Sada Rock

O Concello de Sada a través da Concellería de Cultura e Praias organiza un concurso de Bandas de Música Rock con vocación de fomentar a cultura en xeral e a música en particular, difundindo e promocionando as creacións de bandas de diferentes estilos e apoiando á escena musical local.

BASES II BATALLA DE BANDAS SADA ROCK - FICHA INSCRICIÓN

A Batalla de Bandas Sada Rock pretende ser unha cita anual na que teñan cabida os traballos presentados por formacións musicais emerxentes, con poucos traballos editados, servindo de impulso favorecedor da participación popular na cultura.

Na presente edición organizarase unha final en directo, con concertos programados para o 15 de xullo, no que as bandas seleccionadas presentarán a súa música en directo diante do público e do xurado do concurso. A banda gañadora será incluída no cartel do concerto de REINCIDENTES a celebrar o 12 de agosto en Sada.  

Na batalla de bandas pode participar calquera formación musical cun repertorio propio suficiente como para ofrecer un concerto de 40 minutos, de calquera estilo musical , inda que quedan excluídas as formacións gañadoras nalgunha das edicións anteriores do certame. Por outro lado os/as compoñentes das bandas participantes non poderán formar parte de máis de unha formación das presentadas ó concurso.

As bandas poden participan enviando o modelo de inscrición a que podes dergargar nesta páxina ao enderezo batalladebandasada@gmail.com xunto con dous cortes de audio en formato MP3.

O prazo de envío de solicitudes comezará a partir da publicación destas bases no B.O.P. de A Coruña e rematará o 1 de xullo ás 14:00h

Para que a inscrición dunha banda sexa válida deberedes aportar o modelo de inscrición correctamente cuberto coa documentación necesaria e compartir o cartel do II Batalla de Bandas Sada Rock (que vos enviaremos) no facebook oficial ou noutros perfís da banda.

As bandas inscritas participarán nunha selección previa na que un xurado escoitará os audios recibidos para escoller as 6 formacións que tocarán en directo no concerto da Batalla de Bandas o 15 de xullo. O resultado desa selección previa farase público a partir do 1 de xullo.

O xurado desta selección poderá incluir directamente nese grupo de 6 escollidas para o concerto a 2 bandas de Sada, esto é que  teñan polo menos dous/dúas compoñentes empadroados/as en Sada e o acrediten.

As bandas seleccionadas tocarán en directo no escenario do II B.B.S.R. o 15 de xullo. Contarán cun turno de 40 minutos para defender o seu propio repertorio diante do público e o xurado. Deberán incluir na playlist do concerto os 2 temas presentados á selección previa.

A orde de actuación será decidida mediante sorteo previo, nunha reunión con representantes de cada banda. Nesa reunión coordinaranse as necesidades de backline entre as bandas seleccionadas e o Concello de Sada quen ademáis aportará o escenario e equipamento de son e iluminación, así como o persoal de produción necesario para organizar os concertos.

Establécense os seguintes premios:

SELECCIÓN: Todas as bandas seleccionadas recibirán unha cantidade de 200€ en concepto de compensación polos gastos que lles pode supoñer a participación no concerto. De non poder ofrecer a súa actuación por causas alleas á organización perderían o dereito á citada cantidade.

PREMIO Á “MELLOR BANDA DA II BATALLA DE BANDAS SADA ROCK”:

1º PREMIO - Premio de 800€ e inclusión no cartel do concerto de REINCIDENTES, a celebrar o 12 de agosto en Sada.

 2º PREMIO: premio de 300€. - 3º PREMIO: premio de 200€. - 4º, 5º e 6º - Premios de 100€.

O Xurado da BBSR estará presidido polo concelleiro de Cultura do Concello de Sada e dividirase en 3 grupos: 1. Músicos e produtores: farase media das súas valoracións sobre cada banda. 2. Xornalistas musicais e outras persoas relacionadas co mundo da música: farase media das súas valoracións sobre cada banda. 3. Público: disporase de papeletas de valoración e unha urna tras cada actuación. Abriranse despois do concerto de cada banda durante 20 minutos. Sumaranse os puntos de cada urna e dividiranse polo número de papeletas.

As valoracións e deliberacións serán secretas. Levantarase acta do resultado das mesmas, que se fará público en canto finalice o reconto tras o último concerto. A mellor banda do BBSFR será a que acade unha maior puntuación sumando as valoracións dos 3 grupos do xurado.

Arquivado en