Gala do Deporte de Sada

29 / NOV / 2017

Gala do Deporte de Sada

- O Concello de Sada celebrará a Gala do Deporte para premiar aos mellores deportistas, equipos e clubs do ano 2017.

-A concelleira de Deportes, Zeltia García, solicita a todos os clubs deportivos que presenten aos seus candidatos para trece das dezaoito categorías que terán recoñecemento.

- Bases Gala do Deporte

Sada 29 novembro 2017

A concellería de Deportes, xestionada por Zeltia García, organiza a Gala do Deporte de Sada que terá lugar o sábado 24 de febreiro de 2018 para premiar aos mellores deportistas, técnicos e clubs, do deporte local. Con tal motivo solicita a colaboración dos clubes deportivos do municipio para que acheguen a candidatura dos seus deportistas, técnicos e/ou equipos máis destacados durante o ano 2017.

“Pretendemos recoñecer o enorme labor que ano tras ano levades a cabo, indica Zeltia García nunha carta enviada aos clubes, e, do mesmo modo, os distintos méritos acadados polas vosas e os vosos deportistas”.

A concelleira de Deportes sinala que é consciente “da loita e do traballo de cada club dentro da súa especialidade deportiva” e por iso entende que son os propios clubs quen deben indicar os e as deportistas “que creades que merecen ser gañadores das categorías que vanse premiar” ademáis poderanse presentar candidaturas particulares de deportistas, nados en Sada, que fosen recoñecidos os seus méritos deportivos durante o 2017. O prazo para presentar as candidaturas rematará o 11 de decembro.

O concello de Sada premiará á mellor deportista feminina e masculina, á mellor promesa feminina e masculina, á mellor deportista con movilidade reducida feminina e masculina, aos mellores equipos feminino e masculino, á mellor técnica e técnico deportivos, á labor de canteira, á entidade máis colaboradora co deporte sadense e ao medio de comunicación que destacou no apoio ao deporte local.

Un xurado composto por persoal da concellería, xornalistas, persoal do consello sectorial de Deportes e unha persoa de especial relevancia e recoñecido prestixio no ámbito da actividade física e deportiva, determinará os gañadores e gañadoras de cada categoría e ademáis outorgará outros premios tanto a clubs como a deportistas que serán desvelados na Gala.

Desde a concellería de Deportes elaborarán un dosier e un vídeo de cada categoría con documentos, tanto escritos como fotográficos, do exercicio deportivo que se mostrará na Gala onde tamén haberá actuacións musicais e monólogos.

Sada, municipio deportivo

Coas incorporacións dos novos clubs de baloncesto (Golfiños Sada) e de patinaxe artística (CPA Sada) a concellaría de Deportes ten rexistradas vintetres entidades vinculadas á actividade física, que moven un total de 3.000  deportistas entre federados e non federados e que contan case con 5.300 socios, segundo os datos dos que dispón o Rexistro Municipal de Asociacións.

As cifras da práctica deportiva en Sada van en aumento nos últimos dous anos e iso que non se ten en conta “as persoas que optan por realizar actividade física nas escolas deportivas municipais, os usuarios da piscina, as pistas polideportivas, os ximnasios privados ou os que adestran de maneira independente sen a cobertura dunha entidade” destaca Zeltia García. 

Arquivado en