Campaña internacional "Quere o teu mercado"

19 / MAI / 2017

Campaña internacional "Quere o teu mercado"

- A praza de abastos de Sada participa un ano máis na campaña internacional Quere o teu mercado. Pola súa proximidade e situación estratéxica nas nosas vilas e cidades, os mercados municipais xogan un valioso papel dinamizador e revitalizador dos centros urbanos onde se asentan e facilitan, ademais, a compra completa de alimentos frescos con toda a comodidade e sen necesidade de grandes desprazamentos. 

Sada 19 maio 2017

Mercar neles é garantía de calidade, bo servizo e atención personalizada así como garantía de boa compra, fomentando o consumo de produtos galegos e ofrecendo a variedade de carnes, lácteos, froitas, verduras, pescados, mariscos, hortalizas…que require unha dieta equilibrada e saudable. 

Xuntan tradición e modernidade, adáptanse ás demandas dos seus clientes, ofertan os mellores prezos en produtos frescos de alimentación e incorporan cada día novos servizos complementarios e personalizados.

 “Quere o teu mercado” é o lema da Campaña Internacional dos Mercados, unha inciativa que a Xunta de Galicia promove en colaboración en Sada coa concellería de Promoción Económica, Turismo e Medio Ambiente, a Praza de Abastos e as Federacións e Asociacións de comerciantes de Galicia.

Durante a segunda quincena do mes de maio, organizaranse actividades en máis de 90 mercados de Galicia, distribuidos por todo o territorio, incentivando así a creación de novos negocios para a revitalización deste sector do comercio.

Quere o teu mercado (Love Your Local Market), con orixe no Reino Unido, está promovido a nivel internacional pola World Union of Wholesale Markets, e este ano conta coa participación de mercados de España, Reino Unido, Francia, Alemaña, Holanda, Polonia, Italia, Irlanda, Bélxica, Grecia, Dinamarca, Suecia, Hungría, Serbia, Hong Kong e Estados Unidos.

Arquivado en