Aprobado o proxecto da senda peonil e ciclista en Fontán

04/06/2019

Aprobado o proxecto da senda peonil e ciclista en Fontán

- Onte o Diario Oficial de Galicia publicaba a aprobación definitiva do proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na AC-163 en Fontán (p.q 1+280-1+840) que contempla a construción dunha franxa vexetal de aproximadamente medio metro de ancho entre unha e outra senda e a colocación de tubaxe na beiravía para a canalización das augas pluviais, que permita a circulación dos peóns e ao mesmo tempo garanta a drenaxe adecuada da estrada.

Publicación no DOGA do anuncio da aprobación do proxecto senda peonil e ciclista


Sada, 4 xuño 2019.

O diario Oficial de Galicia publicaba no día de onte o anuncio polo que se fai pública a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na AC-163 en Fontán (punto quilométrico 1+280-1+840).

O proxecto contempla a creación dunha senda peonil e unha senda-bici na marxe esquerda da estrada AC-163 entre a ponte do lavadoiro de Fontán (PK 1+300) e o cruce de Pazos (PK.1+860) onde se empalmaría coas beirarrúas existentes.

As obras a realizar neste proxecto contemplan unha franxa vexetal de aproximadamente medio metro de ancho entre unha e outra senda e a colocación de tubaxe na beiravía para a canalización das augas pluviais, que permita a circulación dos peóns e ao mesmo tempo garanta a drenaxe adecuada da estrada.

“Este tipo de actuacións, sinalaba o alcalde Benito Portela, facilitará a circulación en condicións de maior seguridade para o conxunto dos usuarios e ademais fomenta unha mobilidade peonil máis respectuosa co medio ambiente, alternativa ao uso do vehículo privado”.

Arquivado en:
Alcaldía. Novas. Administración local, obras e servizos. Avisos. Urbanismo e emprego. Sada.

Temas:
Subvencións e axudas. Participación cidadá. Obras e servizos.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores.