2020 ANO ISAAC DÍAZ PARDO - DECLARACIÓN INSTITUCIONAL

27/12/2019

 2020 ANO ISAAC DÍAZ PARDO - DECLARACIÓN INSTITUCIONAL

Declaración institucional acordada por todos los grupos políticos de la Corporación sadense que se leyó el 26 de diciembre en el transcurso del Pleno Ordinario.


Neste 2020 que está a piques de comezar, conmemórase o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo, figura senlleira e fundamental na historia de Galicia e fillo predilecto de Sada.

O Concello de Sada ten o deber de recoñecer, en primeiro lugar, o Isaac persoa, o Isaac veciño, o sementador de ilusión e futuro entre as xentes do común, o conservador da memoria dun país. Eses valores propios da súa persoa ben deberían rexer os destinos de todo pobo que procure o progreso, a solidariedade e a galeguidade en cada paso que dá. Como tal, debemos e queremos facelos nosos.

O Concello de Sada quere, así mesmo, recoñecer o Isaac comprometido co seu país, dando a coñecer o xigantesco traballo por el feito, valorizando e transmitindo a súa tarefa de preservar, fortalecer e reconstruír a memoria e a cultura de Galicia, sobre todo tendo en conta os fatais acontecementos históricos que lle tocaron vivir e que marcaron fondamente a súa experiencia vital. É preciso tamén facer agromar as pequenas historias da xente que o converten no que ao fin todos somos: unha persoa de carne e oso, un ser humano.

As Cerámicas do Castro, Sargadelos, o Laboratorio de Formas ou as Ediciós do Castro son fitos históricos da traxectoria de quen, alén da súas facetas artística e empresarial, tamén foi editor, escritor, deseñador industrial, promotor cultural, mecenas... Un xigante home pequeno plantado en plena modernidade, promotor de “causas xustas”, co seu apoio constante a todas aquelas iniciativas que buscaban progresar, botar luz sobre a realidade e aportar en positivo, recoñecendo sempre a memoria dos vencidos.

Asemade, o Concello de Sada quere ser portavoz da mensaxe do Isaac libertario, e por iso valora, recoñece e comparte a súa loita a prol dunha Galicia sen cadeas, sen complexos, audaz e digna, coñecedora do seu pasado e crente nun futuro de seu.

O 5 de xaneiro de 2012 finaba Isaac, o home, e agromaba Isaac, a lenda. O Concello de Sada ten moi clara a verdadeira dimensión histórica do seu veciño do Castro de Samoedo e asume a enorme responsabilidade de manter acesa a luz que el, canda a súa muller Mimina, nos legou, para que as vindeiras xeracións nunca esquezan que o noso veciño foi unha das figuras máis determinantes da historia de Galicia, na segunda metade do pasado século.

Arquivado en:
Noticias. Alcaldía . Urbanismo. Seguridad Ciudadana y Normalización Lingüística. Bienestar Social e Igualdad. Educación y Deporte. Hacienda, Administración Local, Administración Electrónica, Contratación y Seguridad Ciudadana. Obras y Servicios. Participación Ciudadana, Transparencia, Cooperación, Juventud y Nuevas Tecnologías. Cultura . Promoción Económica, Turismo y Empleo. Promoción de la Salud, Cohesión Social y Voluntariado.

Temas:
Turismo. Formación. Educación. Cultura. Participación ciudadana.

Perfís:
Vecinos. Juventud. Mayores. Turistas.

AXENDA