A Concellería de Cultura programa ENDATERRA o sábado 10 de xuño ás 22:00 horas no Pavillón Municipal de Deportes de Sada, un novo espectáculo de música e baile tradicional, da compañia Xacarandaina, no que se fusionan distintas artes escénicas como son o baile e a música tradicional galega e o teatro.
ENTRADA LIBRE CON RETIRADA DE ENTRADAS (A PARTIR DO LUNS 29 DE MAIO NA OMIX)
ENDATERRA conta cunha banda sonora única, composta en exclusiva para este espectáculo, e cunha singular produción audiovisual, creando unha paisaxe sonora e visual a través de imaxes e sons naturais do camiño. Todo isto fai de ENDATERRA un espectáculo único e exclusivo, non podendo comparalo con outro espectáculo etnográfico realizado até o momento.
ENDATERRA é un percorrido que une a cultura tradicional das dúas rutas menos exploradas de Galicia: O Camiño Inglés e o Camiño a Fisterra-Muxía. Este é o resultado dun profundo e minucioso traballo de investigación dos bailes de divertimento, danzas, cancións, melodías, vestiario e tradicións dos 18 concellos polos que transcorren os dous camiños.
O argumento baséase na peregrinación feita no 1900 por unha aristócrata inglesa e a súa doncela de orixe galega a Santiago de Compostela, con epílogo en Fisterra e Muxía. Esta aristócrata de orixe escocesa e residente en Londres, muller aventureira e decidida, anímase a emprender esta viaxe convencida pola súa doncela.
A viaxe farano en tres etapas, a primeira nun navío da época desde o porto de Londres até o da Coruña, despois a pé desde A Coruña até Santiago e logo até Fisterra e Muxía. Aos poucos, irase interesando por todo o que vai vendo ao longo do camiño, onde irá descubrindo e namorándose de Galicia, recoñecéndose nela. É por iso que decide seguir adiante, animada por unha inevitable e misteriosa promesa que fixo.