O CONCELLO DE SADA PIDE AO SUPREMO A MALA FE DOS FRANCO E A LIQUIDACIÓN POSESORIA EN TAL CONDICIÓN.

15/03/2021

O CONCELLO DE SADA PIDE AO SUPREMO A MALA FE DOS FRANCO E A LIQUIDACIÓN POSESORIA EN TAL CONDICIÓN.

O Concello argumenta que consta acreditada e probada a condición posesoria de mala fe do ditador, e que dita mala fe é transmisible tamén á súa filla e netos.

“Sada sempre defendeu o que agora todas as partes están de acordo, a mala fe do ditador. Estamos seguros que así o declarará o Supremo, por xustiza e dereito”, declara Benito Portela.


 

Sada, 15 de marzo 2021.

A representación procesual do Concello de Sada presentou no día de hoxe o seu recurso contra da sentenza da Audiencia provincial. No dito recurso, que integra un motivo de infracción procesual e tres motivos de casación, considera que a sentenza da Audiencia non se axusta a dereito (Código Civil e a Xurisprudencia que o interpreta e aplica) respecto da condición posesoria de boa que dita sentenza lle atríbúe aos netos do ditador e con efectos de 1975.

No recurso de casación, e partindo da proba existente e a practicada no proceso, xustifícase que a conclusión xurídica da Audiencia, a boa fe de Franco e dos Franco, é xuridicamente errónea, tal e como se expón nos motivos casacionais.

En primeiro lugar, Franco foi un poseedor de mala fe, plenamente consciente e coñecedor da nulidade radical da escritura de 1941. A propia sentenza recoñece expresamente o “constante intento” de Franco para crear un título simulado, unha completa ficción, a escritura de 1941, co que facer seu o Pazo. O que a sentenza califica como entramado enganoso. A conclusión debeu ter sido a declaración xudicial de mala fe na posesión de Franco, Pero a sentenza, non declarou tal cousa, senon que aplicou a presunción de boa fe.

En segundo lugar, e contrariamente ao indicado na sentenza, a mala fé é transmisible aos seus herdeiros, dado que eran éstes, e non o Estado, quen debia ter acreditado e probado unha ignorancia e descoñecemento do vicio radical do seu título posesorio, tal e como Xurisprudencia do Supremo que se invoca no recurso do Concello.

Por último, non hai fundamento legal ningún para aplicar retroactivamente unha suposta e hipotética condición de boa fe dos actuais herdeiros para proxectala retroactivamente a 1975, cando consta acreditada e probada a presencia posesoria do Estado ata 1990. Nin Franco foi poseedor de boa fe nin os actuais herdeiros, tampouco.

Por todo o anterior, o Concello de Sada solicita a estimación do recurso, solicitando a liquidación posesoria de mala fe, tanto dos actuais herdeiros como dos seus ascendentes, incluído o propio Franco, o que, de estimarse, suporía que o saldo neto de dita liquidación seguramente suporá que sexan os Franco quen deban compensar ao Estado por unha posesión detentada durante tantos anos.

O goberno municipal expresa súa satisfacción polo feito de que a necesidade e procedencia de interpoñer recursos así como a demanda de posesión de mala fe de Franco e súa transmisibilidade sexa agora unha posición común de todas as partes (Estado, Xunta, Diputación e Concellos da Coruña e de Sada), tal e como defendeu desde o primeiro momento o Concello de Sada.

“Sada sempre defendeu o que agora todas as partes están de acordo, a mala fe do ditador. Estamos seguros que así o declarará o Supremo, por xustiza e dereito. Vai ser a primeira vez que o Supremo se pronuncie sobre os bens detentados polos Franco e a sentenza proxectará efectos sobre outros bens, polo cal súa trascendencia vai ser de especial relevancia”, declara Benito Portela.

Por último, o goberno local expresa seu agradecemento e recoñecemento a todas as institucións, entidades, asociacións e grupos políticos que foron quen de defender e conseguir o que hoxe é unha demanda amplamente compartida pola cidadanía, a do respecto á memoria histórica e democrática e a de que a posesión dos Franco sexa a que foi, a de mala fe.

Arquivado en:
Novas. Alcaldía . Meirás. Urbanismo.

Temas:
Turismo. Urbanismo. Participación Cidadá.

Perfís:
Veciños. Xuventude.

AXENDA